miércoles, 30 de mayo de 2012

O alegre espantallo na veiga


A media mañá de hoxe púxenme sentimental. Recoñezoo. Foi unha foto que subiu o meu primo ao Facebook, cun tag para min e outro para o meu irmao. Era a foto da primeira creación de miña mai esta primavera. Non, non. Miña mai non é deseñadora de moda. É creadora de espantallos.

Velaí o tedes. Non é o seu traballo máis logrado, tenos moito mellores, mais dá perfectamente para ter unha impresión desta vertente artística no rural galego.


Teño visto moitos, por toda a Galiza, Castela, Portugal e mesmo recordo telos visto en países tan distantes como Turquía ou Chipre. En todos os sitios se fan espantallos. Máis ou menos co mesmo patrón. Máis sinxelos ou menos sinxelos. Pero os de miña mai son especiais –como case todo o que fan as mais-.

Cando chega o momento de sementar as colleitas e manter á raia diversas especies de langráns (merlos, pegas, corvos…), aló se perde nos faiados, nos baúis, alpendres, e saca todo tipo materiais. Unha peza de roupa vella, un sombreiro raído, unha vasoira, un cacho de plástico, un pano ... Sen pretendelo, fai da reciclaxe o seu medio de creación. Esmérase de verdade. Pero ela non, non constrúe espantallos indignos. Os dela teñen rostro, cabeleira, roupa...mesmo parece que teñen alma. Porque ela é así, creativa e imprevisible. 

Cando a xente pasa polos camiños, ao lonxe, no medio da veiga, ven a tal persoa inmóbil, até o chegan a confundir con ela mesma. Miña mai fai os espantapáxaros á imaxe e semellanza dos humanos. Como se fose unha deusa. Dálles a vida e unha misión. Pero non é a simple tarefa de espantar os páxaros. Estas creacións teñen un cometido máis especial. Son representantes do noso nome e deben provocar a risa na cara de todo aquel que os mire. 

E isto, primavera tras primavera. Non un, se non moitos. Os espantapáxaros de miña mai, serán dos máis singulares da parroquia, pero non son únicos. E así queda o Val a partir do mes de maio. Esta é a nosa pasarela Gaudí, a nosa fashion season. E os coidadores do noso campo, son os nosos Carolina Herrera, Armani, Versace... E merecen tanto ou máis recoñecemento.

Porque non hai que esquecer de onde vimos. Porque é un orgullo. Alegres lembranzas da infancia. Grazas mamá.

lunes, 28 de mayo de 2012

Cartas coa miña paixón


Querida,

Estou exhausta, magoada e triste. Así que, amósome tal como me sinto. Porque me apetece. Xa non te soporto máis.  

E pregúntasme por que  digo que “esta vida pide outra”...Pois “cada un sabe de sí”… Sexa dito de paso, ambas frases xa veñen de vello. Repetidas en millóns de ocasión e miles de voces ao longo da historia da Galiza. Claro que cando penso nas cordas vocais onde realmente estas palabras cobran sentido, vénme á cabeza o gremio dos máis grandes filósofos que deu a nosa terra: os taberneiros. Eles é que saben sintetizar a historia dun pobo cansado... Como o noso pobo estou eu, cansada. E aínda me preguntas por que?

Por que esta vida pide outra? Comezo o meu relato con toda a amargura do mundo. Son moitas as veces que me cuestiono como é posible que tantas boas intencións e tantos esforzos, só resulten en frustración e dor. E mentres trato de comprender, intento, intento de verdade ser mellor, facelo mellor... pero só consigo ver o tempo pasar veloz e todos os soños escorregar entre os dedos, sen ser capaz de agarrar nin o máis pequeno... Por que me das alento para seguir?

Non podo estar máis de acordo con Renton, naquel seu monólogo en Trainspotting: “Choose Life. Choose a job. Choose a career. Choose a family. Choose a fucking big television…” Escoller é un traballo en si. O máis esgotador. Sobre todo, porque aínda que o pareza, ben sabes que non somos nós os que escollemos. Eu –nós- non podo escoller onde quero vivir, nin como quero vivir ou traballar, e moito menos a quen quero querer. Por non mencionar a quen me queira.

Si. Sinto tristura. Tristura por ter escollido e errado outra vez. Que hai de certo en toda esa leria coa que sempre me das folgos?  “Hai que vivir o momento presente e non pensar no que pode pasar mañá, bla bla bla bla...”. Pois baixo o meu punto de vista, nada. Cada minuto dunha decisión errada é un minuto perdido.  Por moito que insistas, aprendín –coa mesma técnica que o fixo o can de  Paulov- que un minuto de gloria, multiplicase por sete de amargura cando a gloria esmorece. Feridas crónicas.  Desisto. Desisto de todo. Se tivese outra vida despois desta, non me chegaría para arrincar as espiñas de todas as silveiras ás que me lanzas sen piedade. Por que me deixas continuar?

Ríndome. E doulles a razón a todos os que me teñen repetido ata a saciedade “que se hai que conformar co que se ten”. Non hai que querer saber máis, nin ver máis, nin crer en nada nin en ninguén. Teñen razón. O letargo é o piar da resistencia. Teñen razón os mortos en vida. Por que me enganas?

Invoco entón á ignorancia, ao baleiro de sentimentos, de pensamentos, de coñecementos, de curiosidade, de inocencia, de sinceridade, da capacidade para confiar, de ilusión, de esperanza, de amor... de todo. Imploro á amnesia para que leve toda memoria. Que leve a memoria feliz, porque xa nunca vai retornar; que leve a memoria negativa, porque é pesada. Non quero saber nada, non quero ver nada, non quero sentir nada, non quero ser nada. Só quero adormecer sobre unha rocha no monte, fundirme coa mica e o feldespato, quedar petrificada, inerte, insensible á choiva, ao sol, ao vento, aos tremores de terra...durmir o longo soño de pedra...

Paixón, coa que sempre vivín, traballei, aprendín, caín, rexurdín e volvín a amar, libérote. Xa non te quero. Vaite de min. Deixa entrar o sono.

PS. Hoxe...