miércoles, 30 de mayo de 2012

O alegre espantallo na veiga


A media mañá de hoxe púxenme sentimental. Recoñezoo. Foi unha foto que subiu o meu primo ao Facebook, cun tag para min e outro para o meu irmao. Era a foto da primeira creación de miña mai esta primavera. Non, non. Miña mai non é deseñadora de moda. É creadora de espantallos.

Velaí o tedes. Non é o seu traballo máis logrado, tenos moito mellores, mais dá perfectamente para ter unha impresión desta vertente artística no rural galego.


Teño visto moitos, por toda a Galiza, Castela, Portugal e mesmo recordo telos visto en países tan distantes como Turquía ou Chipre. En todos os sitios se fan espantallos. Máis ou menos co mesmo patrón. Máis sinxelos ou menos sinxelos. Pero os de miña mai son especiais –como case todo o que fan as mais-.

Cando chega o momento de sementar as colleitas e manter á raia diversas especies de langráns (merlos, pegas, corvos…), aló se perde nos faiados, nos baúis, alpendres, e saca todo tipo materiais. Unha peza de roupa vella, un sombreiro raído, unha vasoira, un cacho de plástico, un pano ... Sen pretendelo, fai da reciclaxe o seu medio de creación. Esmérase de verdade. Pero ela non, non constrúe espantallos indignos. Os dela teñen rostro, cabeleira, roupa...mesmo parece que teñen alma. Porque ela é así, creativa e imprevisible. 

Cando a xente pasa polos camiños, ao lonxe, no medio da veiga, ven a tal persoa inmóbil, até o chegan a confundir con ela mesma. Miña mai fai os espantapáxaros á imaxe e semellanza dos humanos. Como se fose unha deusa. Dálles a vida e unha misión. Pero non é a simple tarefa de espantar os páxaros. Estas creacións teñen un cometido máis especial. Son representantes do noso nome e deben provocar a risa na cara de todo aquel que os mire. 

E isto, primavera tras primavera. Non un, se non moitos. Os espantapáxaros de miña mai, serán dos máis singulares da parroquia, pero non son únicos. E así queda o Val a partir do mes de maio. Esta é a nosa pasarela Gaudí, a nosa fashion season. E os coidadores do noso campo, son os nosos Carolina Herrera, Armani, Versace... E merecen tanto ou máis recoñecemento.

Porque non hai que esquecer de onde vimos. Porque é un orgullo. Alegres lembranzas da infancia. Grazas mamá.

1 comentario:

  1. Gracias mamá... claro que si!

    Lembro unha frase de miña nai que nos aplica cando estamos no medio estorvando: Que fas aí espantallado!!

    ResponderEliminar