Querida,
Estou exhausta, magoada e triste. Así que, amósome tal como me sinto. Porque
me apetece. Xa non te soporto máis.
E pregúntasme por que digo que “esta
vida pide outra”...Pois “cada un sabe de sí”… Sexa dito de paso, ambas frases xa
veñen de vello. Repetidas en millóns de ocasión e miles de voces ao longo da
historia da Galiza. Claro que cando penso nas cordas vocais onde realmente
estas palabras cobran sentido, vénme á cabeza o gremio dos máis grandes
filósofos que deu a nosa terra: os taberneiros. Eles é que saben sintetizar a
historia dun pobo cansado... Como o noso pobo estou eu, cansada. E aínda me
preguntas por que?
Por que esta vida pide outra? Comezo o meu relato con toda
a amargura do mundo. Son moitas as veces que me cuestiono como é posible que
tantas boas intencións e tantos esforzos, só resulten en frustración e dor. E mentres
trato de comprender, intento, intento de verdade ser mellor, facelo mellor... pero
só consigo ver o tempo pasar veloz e todos os soños escorregar entre os dedos,
sen ser capaz de agarrar nin o máis pequeno... Por que me das alento para
seguir?
Non podo estar máis de acordo con Renton, naquel seu monólogo en
Trainspotting: “Choose Life. Choose a job. Choose a career. Choose a family. Choose a
fucking big television…” Escoller
é un traballo en si. O máis esgotador. Sobre todo, porque aínda que o pareza, ben
sabes que non somos nós os que escollemos. Eu –nós- non podo escoller onde
quero vivir, nin como quero vivir ou traballar, e moito menos a quen quero
querer. Por non mencionar a quen me queira.
Si. Sinto tristura. Tristura por ter escollido e
errado outra vez. Que hai de certo en toda esa leria coa que sempre me das
folgos? “Hai que vivir o momento presente
e non pensar no que pode pasar mañá, bla bla bla bla...”. Pois baixo o meu
punto de vista, nada. Cada minuto dunha decisión errada é un minuto
perdido. Por moito que insistas,
aprendín –coa mesma técnica que o fixo o can de
Paulov- que un minuto de gloria, multiplicase por sete de amargura cando
a gloria esmorece. Feridas crónicas. Desisto.
Desisto de todo. Se tivese outra vida despois desta, non me chegaría para
arrincar as espiñas de todas as silveiras ás que me lanzas sen piedade. Por que
me deixas continuar?
Ríndome. E doulles a razón a todos os que me teñen
repetido ata a saciedade “que se hai que conformar co que se ten”. Non hai que
querer saber máis, nin ver máis, nin crer en nada nin en ninguén. Teñen razón.
O letargo é o piar da resistencia. Teñen razón os mortos en vida. Por que me
enganas?
Invoco entón á ignorancia, ao baleiro de sentimentos,
de pensamentos, de coñecementos, de curiosidade, de inocencia, de sinceridade,
da capacidade para confiar, de ilusión, de esperanza, de amor... de todo. Imploro
á amnesia para que leve toda memoria. Que leve a memoria feliz, porque xa nunca
vai retornar; que leve a memoria negativa, porque é pesada. Non quero saber
nada, non quero ver nada, non quero sentir nada, non quero ser nada. Só quero
adormecer sobre unha rocha no monte, fundirme coa mica e o feldespato, quedar
petrificada, inerte, insensible á choiva, ao sol, ao vento, aos tremores de
terra...durmir o longo soño de pedra...
Paixón, coa que sempre vivín, traballei, aprendín,
caín, rexurdín e volvín a amar, libérote. Xa non te quero. Vaite de min. Deixa
entrar o sono.
PS. Hoxe...
No hay comentarios:
Publicar un comentario