Ela unha vez tivera un grilo. Os grilos fan moito ruído, pero nunca sabes
onde están. Escóndense moi ben. Deixou de oír o canto do alegre grilo e acabou
por esquecerse del. El unha vez tivera unha bolboreta. Adoraba aquela bolboreta.
Era unha desas grandes e bonitas, de cores brillantes. Pero as bolboretas o que
queren é voar. Son curiosas. Nun descoido, esta voou a través da xanela aberta,
por encima das flores, das árbores e dos tellados prateados das casas. El quedou
triste, mais tamén esqueceu a bolboreta.
Un día, el e ela, coñecéronse por casualidade mentres camiñaban por unha rúa
calquera de Copenhague. Descubriron que compartían a curiosidade polos insectos
e un soño: voar, moito máis alto que as bolboretas. El era hábil coas
tecnoloxías, con todo tipo de aparatos e poñía un grande empeño en todo o que
facía. Era un mecánico experimentado. Ela era arriscada e non tiña medo. Regresaron
ás súas casas e comezaron a traballar nun novo proxecto común. Querían restaurar
unha avioneta vella que ela tiña visto abandonada nun aeroporto próximo. Querían
o pequeno avión para planear por encima das cabezas das ovellas que pacen nos
campos no verán, e ver como as ondas do mar se erguen a poucas millas da costa
para acabar rompendo contra os acantilados e morrendo na area das praias, para
sentir a levedade dos seus corpos cando o vento os empuxase arriba e abaixo.
Traballaron duramente xuntos. Estudaron as leis e permisos da aviación. Arranxaron,
repuxeron pezas, engraxaron, limparon, pintaron...E voi-lá! Un tempo e unhas prácticas despois xa eran amateurs e o aparato estaba listo. Estaban contentos e orgullosos.
El
preparouse para dirixir desde a torre de control. E ela que era valente, sería
o piloto do primeiro voo. Era un día claro, case de verán, todo era perfecto.
Ela esperaba confiada agarrada aos
mandos do aparato na liña amarela que marcaría o comezo do despegue. El sentábase
sorrinte diante do panel de control, observando a pista do pequeno aeródromo
desde o seu punto de vixilancia. Sen obstáculos, vento favorable, tranquilo.
Todo parecía ok. Take off! Ela acelerou gradualmente. Xa levaba un bo tramo cando
tirou da palanca para a posición de full
power, que a levantaría da terra.
Este era o momento máis crítico do voo. A comunicación debía ser perfecta. Cada
segundo era crítico. El sabíao e estaba totalmente concentrado e absorbido nos
comandos que lle mandaba a ela, sen apartar os ollos do aparato que xa rodaba pola
pista de despegue. Pero de repente .... ¿Como entrou? ¿Que fai aquí?
Ela notou un tremor estraño. Algo non ía ben... Non sentía a forza das
turbinas e o vento deixaba de elevar o aparato cando apenas se tiña alzado
varios centos de pés sobre a terra. Non había resposta da torre de control.
Silencio.
El non podía deixar de seguir coa mirada a bolboreta que se pousaba
inquieta en todos os sitios. Volvía a voar e volvíase a pousar. Era a súa
bolboreta. Que bonita era. Era tan grande.
Foi un momento fugaz, no que el non estaba atento ao voo da súa amiga. Durante
a carreira, aínda no chan, o vento tiña arrastrado unha saba de plástico desde
unha fábrica cercana. Non se tiña percatado do obstáculo que viría bloquear o motor
dereito. Non puido avisala para abortar o despegue. Quería recuperar a súa bolboreta e non dubidou
en abandonar o seu posto para atrapala.
Nesta ocasión o principio do “ back up” da aviación non funcionou. A
turbina esquerda tamén fallou. O aparato estrelouse pesadamente co chan. Alí
quedou ela, rota. Esquecida.
El correu para a casa coa bolboreta e nunca máis se lembrou da súa amiga.
Nunca soubo o que foi dela, nin soubo
explicar a policía. Pero tiña a súa bolboreta. Era todo o que desexaba. Ver as
súas ás de cores bater suavemente.

