sábado, 2 de junio de 2012

A bolboreta inoportuna


Ela unha vez tivera un grilo. Os grilos fan moito ruído, pero nunca sabes onde están. Escóndense moi ben. Deixou de oír o canto do alegre grilo e acabou por esquecerse del. El unha vez tivera unha bolboreta. Adoraba aquela bolboreta. Era unha desas grandes e bonitas, de cores brillantes. Pero as bolboretas o que queren é voar. Son curiosas. Nun descoido, esta voou a través da xanela aberta, por encima das flores, das árbores e dos tellados prateados das casas. El quedou triste, mais tamén esqueceu a bolboreta.


Un día, el e ela, coñecéronse por casualidade mentres camiñaban por unha rúa calquera de Copenhague. Descubriron que compartían a curiosidade polos insectos e un soño: voar, moito máis alto que as bolboretas. El era hábil coas tecnoloxías, con todo tipo de aparatos e poñía un grande empeño en todo o que facía. Era un mecánico experimentado. Ela era arriscada e non tiña medo. Regresaron ás súas casas e comezaron a traballar nun novo proxecto común. Querían restaurar unha avioneta vella que ela tiña visto abandonada nun aeroporto próximo. Querían o pequeno avión para planear por encima das cabezas das ovellas que pacen nos campos no verán, e ver como as ondas do mar se erguen a poucas millas da costa para acabar rompendo contra os acantilados e morrendo na area das praias, para sentir a levedade dos seus corpos cando o vento os empuxase arriba e abaixo.

Traballaron duramente xuntos. Estudaron as leis e permisos da aviación. Arranxaron, repuxeron pezas, engraxaron, limparon, pintaron...E voi-lá! Un tempo e unhas prácticas despois xa eran amateurs e o aparato estaba listo. Estaban contentos e orgullosos.

El preparouse para dirixir desde a torre de control. E ela que era valente, sería o piloto do primeiro voo. Era un día claro, case de verán, todo era perfecto. Ela esperaba confiada agarrada  aos mandos do aparato na liña amarela que marcaría o comezo do despegue. El sentábase sorrinte diante do panel de control, observando a pista do pequeno aeródromo desde o seu punto de vixilancia. Sen obstáculos, vento favorable, tranquilo. Todo parecía ok.  Take off! Ela acelerou gradualmente. Xa levaba un bo tramo cando tirou da palanca para a posición de full power, que a levantaría da terra.

Este era o momento máis crítico do voo. A comunicación debía ser perfecta. Cada segundo era crítico. El sabíao e estaba totalmente concentrado e absorbido nos comandos que lle mandaba a ela, sen apartar os ollos do aparato que xa rodaba pola pista de despegue. Pero de repente .... ¿Como entrou? ¿Que fai aquí?

Ela notou un tremor estraño. Algo non ía ben... Non sentía a forza das turbinas e o vento deixaba de elevar o aparato cando apenas se tiña alzado varios centos de pés sobre a terra. Non había resposta da torre de control. Silencio.   

El non podía deixar de seguir coa mirada a bolboreta que se pousaba inquieta en todos os sitios. Volvía a voar e volvíase a pousar. Era a súa bolboreta. Que bonita era. Era tan grande.

Foi un momento fugaz, no que el non estaba atento ao voo da súa amiga. Durante a carreira, aínda no chan, o vento tiña arrastrado unha saba de plástico desde unha fábrica cercana. Non se tiña percatado do obstáculo que viría bloquear o motor dereito. Non puido avisala para abortar o despegue.  Quería recuperar a súa bolboreta e non dubidou en abandonar o seu posto para atrapala.

Nesta ocasión o principio do “ back up” da aviación non funcionou. A turbina esquerda tamén fallou. O aparato estrelouse pesadamente co chan. Alí quedou ela, rota. Esquecida.

El correu para a casa coa bolboreta e nunca máis se lembrou da súa amiga. Nunca soubo  o que foi dela, nin soubo explicar a policía. Pero tiña a súa bolboreta. Era todo o que desexaba. Ver as súas ás de cores bater suavemente. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario